mércores, 28 de febreiro de 2024

Praia de Estacas en inverno

A poucos minutos en coche dende os apartamentos está a praia de Estacas, en Ares. Pequena e moi ben orientada , esta é unha das moitas fermosas praias da Costa de Bezoucos. No inverno é ideal porque queda protexida do vento frío do norte polo cantil. Moi boa opción si se busca unha praia tranquila!

luns, 26 de febreiro de 2024

Un paraíso!

Despois duns días de temporal, con fortes ventos, chuvia e baixada de temperaturas, veñen á mente momentos do verán. Unha cala paradisíaca de Chanteiro, no noso concello de Ares, é a protagonista deses recordos. Momentos no paraíso!

domingo, 25 de febreiro de 2024

Caldo galego


 Un dos pratos máis populares da gastronomía galega, imprescincible no inverno, pero apto para todo o ano. É tan popular que moitas comidas comezan cun bo prato ou cunca de caldo.

A base dun bo caldo será a carne de porco do país (lacón, panceta, unto,...), carne de tenreira galega ( falda con óso) , fabas e patacas do país e unhas boas verduras de tempada ( nabizas, grelos, repolo, verzas).



Admite variacións ( hai quen lle bota chourizo, ósos do espiñazo do porco,... quen lle engade xa no prato antes de comelo, un chorro de aceite virxe e un toque de vinagre), pero hai un ingrediente importantísimo que é o unto galego, que lle dá ese sabor tan especial.



sábado, 24 de febreiro de 2024

A Durana


A moza do centro, Dolores Durán Menaya ( A Durana) coas súas curmás Dolores Menaya Durán e Juana Menaya Durán, nesta foto, que calculamos, do último tercio do XIX, As tres son netas do matrimonio formado por Pascuala Meizoso de Seselle e Andrés Durán Carballo de Franza, os donos da casa que rehabilitamos para os nosos apartamentos e as tres son tamén antepasadas da nosa familia.

Andrés Durán Carballo no ano 1891, maior de 80 anos e xa viuvo déixalle, no seu testamanto, dita casa ao seu fillo Antonio, o maior dos catro fillos do matrimonio; de Antonio pasará á súa filla Dolores Durán Menaya e desta, ao non ter fillos no seu matrimonio, pasará ao seu sobriño Claudio Durán. 

Parte da historia da casa!


xoves, 22 de febreiro de 2024

Día de Rosalía

 Hoxe, 23 de febreiro, celebramos o 187º aniversario do nacemento da universal figura das nosa cultura, Rosalía de Castro.

Que mellor maneira de honrala que recordando algúns dos seus versos!

         

                        Lugar máis hermoso

                        non houbo na terra

                        que aquel que eu miraba,

                        que aquel que me dera.


                       Lugar máis hermoso

                       no mundo n´hachara

                       que aquel de Galicia.

                       ¡Galicia encantada!


                       ¡Galicia frolida!

                       Cal ela ningunha,

                       de froles cuberta, 

                       cuberta de espumas.

                             (...)

                                            Cantares Gallegos




                   Bosquexo de Ares,  J.V. Vales

luns, 19 de febreiro de 2024

Enseada de Ares

Dende o parque do Petelo, ao que accedemos polas escaleiras do paseo marítimo da fermosa vila de Ares, podemos iniciar unha ruta pola costa de Ares que xa no comezo, nos descubrirá magníficas vistas da enseada. Esta gran enseada, con forma de cuncha, abarca dende o porto deportivo-pesqueiro da propia vila ata a illa de O Mourón. A sucesión de praias de area fina, branca e dourada forma un único e longo areal cando a marea está baixa. Entre a coñecida coma praia dos cans, praia de Ares, praia do Xuncal, praia de As Regueiras, praia de Seselle ou A Campa, praia do Raso,e ademais varias caliñas temos un amplo abano de praias para escoller.

domingo, 18 de febreiro de 2024

Cometas no ceo

Nos días ventosos, con sol ou nubes, a praia de Seselle énchese de afeccionados ao Kitesurf e ao windsurf. As condicións desta praia para a práctica destes deportes son magníficas. Observar as súas evolucións no mar ou o baile das cometas no ceo é todo un espectáculo.

venres, 16 de febreiro de 2024

Fiestras

As ventás foron durante séculos suxeitos de representación artística, e seguen séndoo: Vermeer, Dalí, Hopper,... A iconografía da ventá reflexa unha comunicación entre o universo interior e o exterior que resulta tentadora.

 Os ollos da nosa casa, as súas ventás e portas, que nos permiten asomarnos á vida, mirar, ser vistos, observar, ver lonxe, ver outras cousas.

 

Unha ventá é un espazo para o recordo, unha incitación á memoria, á ausencia.

luns, 12 de febreiro de 2024

Momentos

Hai momentos que quedan gravados na memoria e que revivimos en calquera instante coma se fosen destellos de felicidade. Un momento nun recuncho da praia do Raso, onte á tarde, pode ser un deses recordos imborrables.

Península de Bezoucos

A península de Bezoucos é o nome que recibe a lingua de terra que se adentra no Atlántico, entre a Ría de Ares e a Ría de Ferrol, no medio do Golfo Ártabro. Os concellos que a forman son Ares, Mugardos, Fene e Cabanas. A riqueza paisaxística, cultural, arquitectónica, etnográfica, gastronómoca, turística,...deste territorio é inmensa. Unha costa fermosísima chea de pequenas praias e calas, grandes areais, cantís sobre o océano espectaculares, arquitectura relixosa e militar , miradoiros, humedais, pobos pintorescos para recorrer, festas para disfrutar, patrimonio indiano salpicando toda a península, rutas de sendeirismo e de bici de montaña , deportes náuticos a elexir,... Moito para escoller!
No seguinte mapa de Google maps pódese observar a península de Bezoucos.

sábado, 10 de febreiro de 2024

Orellas de Antroido

Outra sobremesa típica do Antroido son as orellas. Receita tamén moi sinxela e menos laboriosa cós freixós.
No libro de Álvaro Cunqueiro "A cociña galega" a receita das orellas Vicenta pode servirnos para elaboralas. Pero npn quedan aquí as sobremesas galegas para estas festas; tamén hai rosquillas de anís, chulas, flores,... Gústannos as larpeiradas!