luns, 29 de xuño de 2026

Fragas do Eume

O parque natural das Fragas do Eume é un dos mellores bosques atlánticos de ribeira de todo o continente. Esta xoia da nosa provincia é ese lugar que a maioría dos nosos visitantes non se queren perder. Os tesouros que ofrece son varios: arquitectónicos, etnográficos, naturais, etc. Ofrécenos varias rutas ou sendas magníficas para os amantes das camiñatas: senda dos Encomendeiros, camiño da Ventureira, camiño dos Cerqueiros, etc.
Posiblemente a máis transitada sexa a senda dos Encomendeiros. Deixando o coche na alameda camiñamos ata a ponte colgante de Cal Grande onde cruzamos á outra marxe do río para seguir a senda río arriba ata o mosteiro de Caaveiro e volta á alameda se facemos a ruta completa. Para os que non queren facer tantos Km. aconsellamos na seguinte ponte colgante de Fornelos cruzar de novo o río e regresar pola estrada ata a alameda. Así acortamos a camiñata e serán uns 10Km.

xoves, 25 de xuño de 2026

Festas, celebracións, actividades... en Ares

Para o mes de xullo, estas son algunhas opcións.

Orella á galega

Unha receita moi popular da gastronomía galega é a orella á galega ou orella á feira (tamén é unha tapa moi popular da hostelería). A orella de porco cocida, cortada en anacos e adubada con sal grosa, pementón doce ou picante e aceite de oliva virxe, e xa está. Riquísima!

xoves, 18 de xuño de 2026

O Segaño (Senda costeira)

A senda costeira de Ares é unha fermosura e facela en tramos máis cortos ou en pequenos paseos tamén é unha opción. Neste caso un pequeno paseo dende Chanteiro ata a batería costeira de Salgueira no Segaño, ofrécenos moi boas vistas das entradas das rías de Ares e Ferrol.

martes, 16 de xuño de 2026

Rematando a primavera

Neste serán de finais de xuño, despedindo a primavera, aínda podemos atopar a praia do Xuncal solitaria ou o paseo con pouca xente. Dentro duns días será imposible esta imaxe coa cantidade de xente que elixe o noso concello de Ares para disfrutar das súas vacacións.

domingo, 7 de xuño de 2026

Senda costeira de Bezoucos

Un pequeno paseo pola senda costeira de Bezoucos, dende Redes ata a praia de Coído é unha boa maneira de facer un pouco de exercicio no medio natural e difrutar do entorno e as vistas cando so dispoñemos dun par de horas.
O sendeiro sobre a praia da Areamorta de Redes discorre por unha frondosa fraga sobre O Portiño, ata chegar á praia de Río Sandeu (metade de Ares, metade de Fene).
Baixando ata a mesma, e recorréndoa de punta a punta, ampliamos a camiñata. Logo seguimos ata a praia de Coído.
Neste fermoso serán de xuño, as praias desertas, lucían espectaculares.

xoves, 4 de xuño de 2026

Alfombras Florais de Ares

Un ano máis, a celebración das Alfombras Florais de Ares(Festa de Interés Turístico) concentrará os días 6 e 7 deste mes a miles de persoas no noso concello, que participarán na elaboración dos tramos das alfombras ou no disfrute da beleza efémera das mesmas.