domingo, 27 de outubro de 2024

Faro-Baliza do Castelo de A Palma

Tamén en Mugardos, a poucos metros do castelo de A Palma, atópase este faro-baliza Castelo da Palma, construido no ano 1862 para sinalar o perigoso baixo marino de A Palma. A súa ubicación privilexiada á beira sur da ría de Ferrol, o seu entorno tranquilo, as espectaculares vistas,... fan deste lugar un punto de visita obrigada da Costa de Bezoucos.
Dende a estrada ao castelo de A Palma, hai unha pequena baixada para chegar ata a baliza, xa que está a pouca altura sobre o nivel do mar.

luns, 21 de outubro de 2024

Parque de Roibeiras

A poucos minutos da casa, en coche, está o parque de Roibeiras no concello de Mugardos. Unha ampla zona verde, rodeada dun regato, con parque infantil e mesas. Con nenos é un sitio ideal para pasar unhas horas en contacto coa natureza, observando bichos, plantas, árbores, xogar no parque infantil ou coa pelota ou as palas na herba, comer ou merendar á sombra, ler, escoitar os sons que nos rodean,... Nunha palabra, disfrutar!
Agora, no outono, está espectacular.

luns, 14 de outubro de 2024

Lavadoiro do Baixolo

Os lavadoiros en Galicia representan un legado cultural e un vínculo coa nosa historia, co noso pasado, que merece ser recoñecido e conservado. Antes da chegada das lavadoras estas construcións, preto dun curso de auga, eran centros da vida comunitaria das mulleres e mozas galegas; ademais de lavar, neles compartían experiencias, coñecementos, alegrías, etc. O lavadoiro de Seselle, a carón do rego Baixolo, foi financiado por Gaspar Vizoso Cartelle. Nacido no 1874 en Seselle, emigrou á Habana con 15 anos, onde fixo unha gran fortuna. Na décda dos 20 visita en varias ocasións a súa terra natal e decide financiar o lavadoiro, inaugurado no 1928, e tamén a Escola de Seselle no ano 1931. Dous exemplos da ampla lista de doazóns dos indianos galegos aos seus veciños. O Concello de Ares, dende hai uns anos, vai restaurando nas parroquias os lavadoiros. Ademais deste do Baixolo en Seselle engadimos a esta lista o de Fonte Tella e o do Bulleiro en Lubre, ou o da Torre en Cervás. Debemos consideralos lugares de valor etnolóxico e, polo tanto, a súa conservación e posta en valor é fundamental!
Espallados por toda Galicia, en calquera recuncho, atoparemos lavadoiros diversos: grandes, pequenos, humildes, de boa construción,...

luns, 7 de outubro de 2024

Paseos de outono

O outono é unha estación perfecta para dar paseos, facer camiñatas ou rutas de sendeirismo. A natureza luce espectacular e convídanos a disfrutar dela. Hai que aproveitar! Un paseo pola praia, solitaria, tranquila ou cun mar alporizado, é un relax total.
Dende os nosos apartamentos, na península de Bezoucos, a oferta de praias e calas é numerosa. Por exemplo a praia de Ríosandeu, repartida entre os concellos de Ares e Fene, ofrécenos un amplo abano de posibilidades: paseo pola area, contemplar e escoitar o mar do interior da ría de Ares, a beleza do entorno coas cores outonais, o espectáculo cambiante do ceo, buscar pequenos "tesouros" entre os arrastres da marea, ou simplemente sentarnos na area, pechar os ollos e soñar! Un paraíso en outono!

domingo, 29 de setembro de 2024

Románico no Golfo Ártabro

As rías de Ares-Betanzos, Ferrol e A Coruña forman o Golfo Ártabro (Portus Magnus Artabrorum para os romanos). Situado entre a Costa da Morte e as Rías Altas, debe o seu nome á tribo dos ártabros que habitaban estas terras na época prerromana. Nestas rías atopamos burgos medievais moi fermosos, vilas mariñeiras únicas, enclaves industriais sorprendentes, paisaxes espectaculares, etc. Ademais da beleza destes lugares, tamén hai un importante número de templos románicos, torres e castelos cos que poderiamos facer unha ruta do románico no Golfo Ártabro: San Miguel de Breamo, S. Xoán de Vilanova, S. Martiño do Couto, Sta. María de Doroña, S. Xoán de Caaveiro, etc. Ademais dos restos románicos que teñen a maioría das igrexas ou capelas rurais.

martes, 24 de setembro de 2024

Ría de Ferrol

Achegarse ata o Miradoiro de A Bailadora (no monte Montefaro en Ares) vainos permitir contemplar a entrada da ría de Ferrol, cos dous castelos que a gardan, a cidade de Ferrol ao fondo, Mugardos, S.Felipe,... incluso unha parte da ría de Ares. Si despois nos achegamos ata as ruinas da Batería de Fonteseca ,no mesmo monte, a perspectiva do Golfo Ártabro coas súas fermosas rías quedará máis completada.

luns, 23 de setembro de 2024

O "lagoon" da praia de Seselle

Coas Lagarteiras ( as mareas vivas equinocciais de setembro), a baixamar deixa ao descuberto o "lagoon" da praia de Seselle. Un episodio da transgresión holocena na ría de Ares. Unha lagoa litoral de auga doce que xunto co seu entorno foi inundada polo mar hai uns 4000 anos e que foi fosilizada posteriormente. Na turba atopamos restos de troncos, paus, etc. que nos falan do bosque que había arredor desa lagoa.
Tesouros que nos descubren as mareas vivas!

xoves, 22 de agosto de 2024

Recuncho

No interior da casa, ou no exterior, atoparás recunchos para pasar un bo rato de lectura, escoitar música, facer pasatempos,... Momentos para tí.