venres, 31 de outubro de 2025

Despedindo outubro en Chanteiro

O outono cos seus cambios de tempo déixanos imaxes tan contrastadas coma estas na derradeira semana de outubro: fermosos días solleiros con boa temperatura e ceos despexados, para pasar a un tren de borrascas con abundantes choivas e fortes ventos. Contemplar o mar dende a praia (neste caso a de Chanteiro), é todo un espectáculo que colma os sentidos. Nunca nos cansamos de velo!
Sempre é un gusto!

domingo, 26 de outubro de 2025

O castiñeiro

En Galicia é moi frecuente ter plantado algún castiñeiro na horta. Coa chegada do outono os castiñeiros, nos soutos ou nas hortas das casas, traen fartura. As súas castañas van estar moi unidas as celebracións populares desta estación: o Samaín, Defuntos, os Magostos. Prepararánse con elas longos colares de zonchos, riquísimas castañas cocidas acompañadas de "mariquitas", castañas asadas,...Ritos e tradicións milenarias que conservamos nesta terra máxica.

sábado, 25 de outubro de 2025

Finais de outubro na praia de Seselle

Os paseos de outono tamén son na praia. Disfrutar desa paz que nos invade ao achegarnos ao mar é o mellor regalo que nos podemos facer.

xoves, 16 de outubro de 2025

Estampas de outono

O outono, cos seus cambios na natureza, vainos deixar fermosas estampas ao noso arredor. Estas son da ponte da Ciscada na nosa vila. Busca as túas e disfrútaas!

martes, 14 de outubro de 2025

O porto de Ares

Achegarse pola mañá ata o porto de Ares é unha marabilla. Observar os traballos dos mariñeiros ou dos navegantes que van sair coas súas embarcacións, contemplar a fermosura da vila e da ría, escoitar os sons do entorno... O paraíso!

domingo, 12 de outubro de 2025

Paseos de outono

O outono transforma os nosos bosques en xoias cromáticas que temos a obriga de disfrutar. Facer pequenas ou grandes rutas, ou simplemente paseos, axudarános a reconectar coa Natureza, e a nosa saúde física e mental vaino agradecer. Con sol ou con chuvia hai que saír a buscar eses agasallos que trae esta fermosa estación. Paraísos do norte!

mércores, 8 de outubro de 2025

Unha de mexillóns!

O mexillón galego, coñecido por ser posiblemente o mellor do mundo, é o molusco de maior volume de capturas das nosas rías. Único en sabor e tamaño por criarse nunhas rías tan ricas en nutrientes onde se sitúan as bateas do seu cultivo. Na nosa gastronomía atoparemos moitas formas de preparalo: ao vapor, á mariñeira, en escabeche, en empanada, en tortilla, en paté...
Delicioso e nutritivo sempre!

sábado, 4 de outubro de 2025

O faro extraviado

Un pequeno frente chega e os ceos anubrados cambian a paisaxe. Dende a praia de A Barrosa, no corazón do Golfo Ártabro, fronte ao océano temos esta magnífica atalaia para observar a chegada das borrascas. Todo un espectáculo cando son grandes e o temporal azota a costa. Nesta caso, so para contemplar a praia deserta, coas cores do outono comezando a cubrir a vexetación, a néboa dificultando a visibilidade, o faro milenario extraviado alá ao lonxe ,,, e os versos de Manoel Antonio veñen á cabeza: 

             Todos presentiamos que a noite

               preparaba algún sofisma

               e o faro extraviado

                daba o S-O-S 

                 no morse

                -clave Orión-

                  das estrelas. 

                                                            Manoel Antonio 

Tesouros de Ares!

mércores, 1 de outubro de 2025

De peirao a peirao

Dous concellos pegados cal irmáns siameses, compartindo historia, territorio, tradicións,... Ares e Mugardos. As dúas vilas mariñeiras tan pintorescas e fotoxénicas, cos seus peiraos protagonistas deste pequeno xogo ou broma dun fermoso serán de outubro:"De peirao a peirao e tiro fotos porque me toca".
Observar a vida dende o peirao ten algo especial. Aínda que so sexa un  pouco tempo, achegarse ata eles é imprescindible no día a día de moitas persoas destas vilas: sempre hai algo que chama a atención, que nos sorprende, que nos relaxa,... A felicidade das pequenas cousas!