domingo, 29 de setembro de 2024

Románico no Golfo Ártabro

As rías de Ares-Betanzos, Ferrol e A Coruña forman o Golfo Ártabro (Portus Magnus Artabrorum para os romanos). Situado entre a Costa da Morte e as Rías Altas, debe o seu nome á tribo dos ártabros que habitaban estas terras na época prerromana. Nestas rías atopamos burgos medievais moi fermosos, vilas mariñeiras únicas, enclaves industriais sorprendentes, paisaxes espectaculares, etc. Ademais da beleza destes lugares, tamén hai un importante número de templos románicos, torres e castelos cos que poderiamos facer unha ruta do románico no Golfo Ártabro: San Miguel de Breamo, S. Xoán de Vilanova, S. Martiño do Couto, Sta. María de Doroña, S. Xoán de Caaveiro, etc. Ademais dos restos románicos que teñen a maioría das igrexas ou capelas rurais.

martes, 24 de setembro de 2024

Ría de Ferrol

Achegarse ata o Miradoiro de A Bailadora (no monte Montefaro en Ares) vainos permitir contemplar a entrada da ría de Ferrol, cos dous castelos que a gardan, a cidade de Ferrol ao fondo, Mugardos, S.Felipe,... incluso unha parte da ría de Ares. Si despois nos achegamos ata as ruinas da Batería de Fonteseca ,no mesmo monte, a perspectiva do Golfo Ártabro coas súas fermosas rías quedará máis completada.

luns, 23 de setembro de 2024

O "lagoon" da praia de Seselle

Coas Lagarteiras ( as mareas vivas equinocciais de setembro), a baixamar deixa ao descuberto o "lagoon" da praia de Seselle. Un episodio da transgresión holocena na ría de Ares. Unha lagoa litoral de auga doce que xunto co seu entorno foi inundada polo mar hai uns 4000 anos e que foi fosilizada posteriormente. Na turba atopamos restos de troncos, paus, etc. que nos falan do bosque que había arredor desa lagoa.
Tesouros que nos descubren as mareas vivas!

xoves, 22 de agosto de 2024

Recuncho

No interior da casa, ou no exterior, atoparás recunchos para pasar un bo rato de lectura, escoitar música, facer pasatempos,... Momentos para tí.

xoves, 15 de agosto de 2024

Recordos das vacacións

Uns simples pauiños recollidos na praia, ou unhas pedriñas, ou un ramillete de flores silvestres, ou unhas fermosas cunchas, ou ... Pequenos recordos desas vacacións que aproveitamos para reconectar coa Natureza.

martes, 13 de agosto de 2024

Días de agosto

Con ondas de calor abafando a península, nada coma o frescor das hortas de Galicia. Bos momentos na horta dos apartamentos!

venres, 2 de agosto de 2024

A Barrosa sempre apetece!

Non importa que haxa máis de 100 chanzos que baixar (e máis tarde subir) nin que sexa unha praia de pedriñas e rochas; a praia de A Barrosa sempre apetece. Admito que me ten namorada! (A poucos minutos en coche ou en bici dos apartamentos).

luns, 29 de xullo de 2024

A gaivota

A gaivota pintada sobre os restos dunha das vellas portas da casa é un nexo entre o pasado da casa e o presente: casa de labranza da primeira metade do s.XIX e os apartamentos Praia de Seselle, na actualidade.

xoves, 25 de xullo de 2024

Praia de Seselle- Apartamentos Turísticos

Os tres apartamentos dos que dispón a nosa casa: "As Mirandas" apartamento adaptado no baixo da casa e no primeiro piso "O Mourón" e "A Cercada".

Apartamento "As Mirandas"

Apartamento adaptado con capacidade para 4 persoas( cama dobre e 2 prazas en sofá cama).

Paseo polo Belelle

Nun caloroso día de verán hai moitas cousas que podemos facer, ademais de achegarnos a unha das nosas fermosas praias. A uns 20 minutos dos apartamentos (en coche), o río Belelle ten varias sendas que podemos percorrer; unha moi cómoda e de gran beleza é a que vai dende Cabalar ata Formariz (ambos lugares no concello de A Capela). Se levamos comida nas mochilas, na área recreativa de Formariz, poderemos pasar unhas horas disfrutando da sombra da carballeira á beira do río e dun entorno natural espectacular en calquera estación do ano.

xoves, 11 de xullo de 2024

Cousas que atopamos na praia

Nos paseos pola praia sempre hai algo que chama a atención para recoller e levar á casa: uns pauiños ou anacos de madeira gastados polo mar, fermosas cunchas ou pedriñas de formas ou cores sorprendentes, restos de embarcacións,...cos que despois crearemos algo. So hai que deixar voar a imaxinación. Pequenos tesouros que gardan momentos!

venres, 5 de xullo de 2024

Parque etnográfico do río Sesín

O concello de A Capela neste parque etnográfico do río Sesín mostra o patrimonio das tradicións artesanais vencelladas á explotación de recursos ( as castañas, o mel, a casca, o carbón vexetal,...) e a arquitectura popular tradicional que se conserva neste entorno do río Sesín: muiño, pontes, presa, curripa,... Este pequeno parque, coa súa cartelería, explica moi ben este aproveitamento sostible do medio.
A menos de media hora (en coche) da casa, esta visita pode completarse coa casa do Pazo, peza fundamental do Museo etnográfico deste concello e que son unha magnífica mostra da vida rural no pasado e da maxia que conservan as nosas fragas, ríos, camiños,...

luns, 1 de xullo de 2024

Senda costeira, A Barrosa- Castro de Sta. Mariña

Ares é a punta da península de Bezoucos que se adentra no Golfo Ártabro, e por iso ten tanta costa con praias, calas, ribeiras, cantís, etc. Se nos gusta camiñar, unha magnífica senda percorre toda esta costa, e so temos que animarnos a disfrutala.
Esta etapa dende A Barrosa- Castro de Sta. Mariña- A Barrosa, pode ser un exemplo desta magnífica senda costeira.