xoves, 13 de novembro de 2025
Seselle
Seselle é un topónimo de orixe xermánica e que so nomea tres pequenos lugares de Galicia: dous na Coruña e un en Lugo.
Seselle, lugar da parroquia de Bretoña no concello de A Pastoriza.
Seselle, lugar da parroquia de A Regueira no concello de Oza-Cesuras.
E o noso Seselle que pertence a dúas parroquias, Caamouco do concello de Ares e Franza do concello de Mugardos.
Tres lugares pequenos e tan distantes entra si compartindo nome.
As fotografías son do noso Seselle, para que o coñezades un pouco máis.
E igual ca no resto de Galicia, aínda que somos unha aldea pequena, somos moi ricos en microtopónimos: O Froés, A Taipa, A Cortiña, O Cagacho, A Corripa, A Campa, O Baixolo, Xubín,...
mércores, 12 de novembro de 2025
Bailando entre tomas 💃🎬 LEO & LOU 2025 Cuando el rodaje se convierte en ...
Unha vez máis Redes volve ser escenario dunha película. "Leo y Lou" é unha road movie galega que acaba de estrearse e o seu director Carlos Solano dálle unha importancia especial aos exteriores rodados en Redes, Covas, Narón, Monfero. Xa van unhas cuantas, entre películas e series.
luns, 3 de novembro de 2025
A serea de Ares
A serea de Ares no espigón do porto contempla a fermosa enseada e todo o que nela acontece.
Neste serán poderían ser os numerosos barcos que estaban ás luras, ou a embarcación das Sereas de Ares que voltaba do seu entrenamento, ou os paseantes que divisaba no areal das praias de Seselle-O Raso, ou... vai ti a saber.
Seguro que nunca se aburre nin se sinte soa.
venres, 31 de outubro de 2025
Despedindo outubro en Chanteiro
O outono cos seus cambios de tempo déixanos imaxes tan contrastadas coma estas na derradeira semana de outubro: fermosos días solleiros con boa temperatura e ceos despexados, para pasar a un tren de borrascas con abundantes choivas e fortes ventos.
Contemplar o mar dende a praia (neste caso a de Chanteiro), é todo un espectáculo que colma os sentidos. Nunca nos cansamos de velo!
Sempre é un gusto!
domingo, 26 de outubro de 2025
O castiñeiro
En Galicia é moi frecuente ter plantado algún castiñeiro na horta.
Coa chegada do outono os castiñeiros, nos soutos ou nas hortas das casas, traen fartura. As súas castañas van estar moi unidas as celebracións populares desta estación: o Samaín, Defuntos, os Magostos.
Prepararánse con elas longos colares de zonchos, riquísimas castañas cocidas acompañadas de "mariquitas", castañas asadas,...Ritos e tradicións milenarias que conservamos nesta terra máxica.
sábado, 25 de outubro de 2025
Finais de outubro na praia de Seselle
Os paseos de outono tamén son na praia. Disfrutar desa paz que nos invade ao achegarnos ao mar é o mellor regalo que nos podemos facer.
xoves, 16 de outubro de 2025
Estampas de outono
O outono, cos seus cambios na natureza, vainos deixar fermosas estampas ao noso arredor.
Estas son da ponte da Ciscada na nosa vila.
Busca as túas e disfrútaas!
martes, 14 de outubro de 2025
O porto de Ares
Achegarse pola mañá ata o porto de Ares é unha marabilla. Observar os traballos dos mariñeiros ou dos navegantes que van sair coas súas embarcacións, contemplar a fermosura da vila e da ría, escoitar os sons do entorno...
O paraíso!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)

















































