domingo, 12 de outubro de 2025

Paseos de outono

O outono transforma os nosos bosques en xoias cromáticas que temos a obriga de disfrutar. Facer pequenas ou grandes rutas, ou simplemente paseos, axudarános a reconectar coa Natureza, e a nosa saúde física e mental vaino agradecer. Con sol ou con chuvia hai que saír a buscar eses agasallos que trae esta fermosa estación. Paraísos do norte!

mércores, 8 de outubro de 2025

Unha de mexillóns!

O mexillón galego, coñecido por ser posiblemente o mellor do mundo, é o molusco de maior volume de capturas das nosas rías. Único en sabor e tamaño por criarse nunhas rías tan ricas en nutrientes onde se sitúan as bateas do seu cultivo. Na nosa gastronomía atoparemos moitas formas de preparalo: ao vapor, á mariñeira, en escabeche, en empanada, en tortilla, en paté...
Delicioso e nutritivo sempre!

sábado, 4 de outubro de 2025

O faro extraviado

Un pequeno frente chega e os ceos anubrados cambian a paisaxe. Dende a praia de A Barrosa, no corazón do Golfo Ártabro, fronte ao océano temos esta magnífica atalaia para observar a chegada das borrascas. Todo un espectáculo cando son grandes e o temporal azota a costa. Nesta caso, so para contemplar a praia deserta, coas cores do outono comezando a cubrir a vexetación, a néboa dificultando a visibilidade, o faro milenario extraviado alá ao lonxe ,,, e os versos de Manoel Antonio veñen á cabeza: 

             Todos presentiamos que a noite

               preparaba algún sofisma

               e o faro extraviado

                daba o S-O-S 

                 no morse

                -clave Orión-

                  das estrelas. 

                                                            Manoel Antonio 

Tesouros de Ares!

mércores, 1 de outubro de 2025

De peirao a peirao

Dous concellos pegados cal irmáns siameses, compartindo historia, territorio, tradicións,... Ares e Mugardos. As dúas vilas mariñeiras tan pintorescas e fotoxénicas, cos seus peiraos protagonistas deste pequeno xogo ou broma dun fermoso serán de outubro:"De peirao a peirao e tiro fotos porque me toca".
Observar a vida dende o peirao ten algo especial. Aínda que so sexa un  pouco tempo, achegarse ata eles é imprescindible no día a día de moitas persoas destas vilas: sempre hai algo que chama a atención, que nos sorprende, que nos relaxa,... A felicidade das pequenas cousas!

mércores, 24 de setembro de 2025

Outono e cogomelos

Coa chegada do outono comeza a mellor época do ano para a recollida de cogomelos. Nos nosos paseos por montes e fragas atopamos variedade e cantidade deles: boletus, níscalos, macrolepiotas,...
Sempre coa precaución de coller unicamente as que coñecemos e deixar as outras para disfrute da vista.

sábado, 6 de setembro de 2025

Setembro e as lagarteiras

Esas mareas moi vivas de setembro, que chamamos lagarteiras, son un espectáculo ben fermoso do que hai que disfrutar. Achegámonos ata a praia de Chanteiro para deixarnos encandilar polo mar.
Canta beleza nunha praia bañada polo océano!

domingo, 27 de xullo de 2025

Miradoiro de A Bailadora

Achegarse ao miradoiro de A Bailadora no noso concello de Ares, a carón da antiga batería militar do mesmo nome, sempre é unha boa idea. A panorámica de ría de Ferrol é magnífica e casi completa; ademais tamén vemos un anaco da ría de Ares e a península de Bezoucos casi na súa totalidade. Hai un proxecto de recuperación desta batería, pero de momento so é un proxecto.

luns, 7 de xullo de 2025

Praia de Seselle-infancia

Dende sempre, a praia de Seselle e a infancia son un binomio fantástico. Xa na primeira metade do pasado século eran moitas as familias que viñan veranear a Seselle pola súa tranquila praia.
A praia sempre será un lugar fabuloso para desenrolar a imaxinación e os 5 sentidos, fortalecer habilidades acuáticas, motoras, etc. e sobre todo diversión e saúde.

sábado, 5 de xullo de 2025

Chanteiro, please!

Outro tesouro do noso concello de Ares é a praia de Chanteiro. A poucos minutos en coche dos apartamentos, é obrigatorio visitala para disfrutar do espectacular entorno.

martes, 1 de xullo de 2025

A praia nas mañás de verán

Disfrutar dos paseos pola praia nas mañás de verán é algo magnífico. Un gran areal (Praia de Seselle-O Raso) á túa disposición. Vén a descubrilo. Sobran as palabras!

martes, 24 de xuño de 2025

S. Xoán

Celebrando o S.Xoán como manda a tradición: as flores, as fogueiras, as sardiñas,... Unha das grandes festas do ano!

venres, 20 de xuño de 2025

Os nosos ríos

Moi preto da casa atoparemos ríos con sendas, rutas, fragas, fervenzas, muíños, áreas recreativas, etc. para descubrir e disfrutar. Dende os máis próximos( Eume, Belelle, Xubia, Castro,...) ata outros un pouco máis afastados (Lambre, Mera, Sor, Mandeo,...). Moito onde elexir!

Alfombras florais

Esta noite a vila de Ares estará ateigada de visitantes para ver o traballo das persoas que, ano tras ano, elaboran as fermosas alfombras florais. Conservando as tradicións!

luns, 16 de xuño de 2025

Apetece?

Despois da comida, disfrutar dun rato de relax escoitando os paxaros, notar a lixeira brisa, observar o ceo sen nubes,... soñar. Apetece pasar tempo no xardín!

sábado, 14 de xuño de 2025

No xornal

No xornal de hoxe falan do noso concello de Ares coma un deses lugares de maior atractivo turístico. Hai que tratar de manter a súa beleza e autenticidade, protexendo a súa natureza e patrimonio.