venres, 27 de febreiro de 2026

A casa chea

Ás veces, cando se aluga a casa completa para algunha celebración familiar ou de amigos dos clientes, é preciso preparar o máximo de camas, todas as dispoñibles ademais dos sofás cama. Ata 14 persoas poden durmir na casa!
A casa parece neses momentos a casa grande duns avós que esperan a toda a familia. Está fermosa!

xoves, 26 de febreiro de 2026

Febreiro na praia de Seselle

Un paseo pola praia de Seselle, solitaria neste serán de febreiro, é un estupendo método de recargar pilas. Camiñar co acompañamento do son do mar, apreciar os cambios que os temporais de inverno produciron na praia, recoller algunha cuncha ou pedriña que me chama a atención, facer un montón de fotos desta beleza que nunca me cansa,... disfrutar do PARAÍSO!

luns, 16 de febreiro de 2026

Larpeiradas de Antroido

Estamos no tempo de Antroido e na gastronomía galega son abundantes as larpeiradas desta época: orellas, freixós, rosquillas, torradas, chulas, flores,... Hai que probalas todas!

luns, 2 de febreiro de 2026

Entre borrasca e borrasca

Despois dun xaneiro de moitas borrascas e alertas meteorolóxicas por vento, auga e frío, febreiro empeza igual. Tempo de aproveitar intervalos entre un e outro frente para achegarse ás praias a contemplar a forza do mar, dar pequenos paseos, e sobre todo tempo de sofá e manta: ler unha boa novela, ver algunha peli ou serie, unha bebida quente con algo de picar, contemplar o mundo exterior dende o noso recuncho, ou ...

mércores, 24 de decembro de 2025

venres, 21 de novembro de 2025

Estampas de outono

En calquera lugar de Galicia podemos atopar fermosos recunchos para fotografar. Agora no outono, esas fotos poden ser impresionantes. So hai que deixarse levar polas múltiples estradas e pistas que recorren o noso rural e pola beleza destas estampas de outono que nos ofrecen as aldeas. Paraísos do norte de Galicia!

mércores, 19 de novembro de 2025

Polo San Martiño

En novembro xa apetecen os pratos de culler. Os potaxes de garavanzos na gastronomía galega son moi variados e numerosos: con peixes, mariscos, carnes,... O potaxe de S. Martiño ("A todo porquiño chégalle o seu S. Martiño) leva os garavanzos acompañados de lacón, orella, morro, pé de porco e chourizo. É moi similar a outros potaxes da gastronomía española. É doado de facer, e debemos lembrar poñer a remollo a véspera os garavanzos e as carnes.
Poñer a cocer e mentras ir preparando o sofrito.
Cando xa está cocida a carne cortala en anacos pequenos, xuntar cos garavanzos e o sofrito. Deixar facer e rectificar os condimentos se fose preciso.
Bo proveito!

martes, 18 de novembro de 2025

Novembro en Seselle

Non importa que neste mes de novembro teñamos varias alertas por vento e choiva, sempre hai calmas coma esta fermosa mañá para aproveitar e dar un paseo pola praia de Seselle. Os ceos están espectaculares coas nubes e craros e esa fermosa luz de finais de outono; os abrentes e solpores son magníficos e incluso algunha aurora boreal iluminou os ceos galegos nos días pasados. Que máis podemos dicir do noso paraíso?

sábado, 15 de novembro de 2025

O caneco e o garrafón

O caneco e o garrafón son herdados da tenda dos avós e na actualidade son obxectos ornamentais da casa, afastados do seu antigo traballo de conter líquidos: viños, caña, licores, etc. Os canecos ademais cumprían outra importante tarefa, pois cheos de auga quente poñíanse nas noites frías do inverno, entre as sabas da cama, para quentar os pés.